Este estudo examina comparativamente as FT no castelán e no PE, con especial atención ás formas usted e você. A pesar da súa orixe común latina, estas FT adquiriron usos e valores diferenciados ao longo da súa evolución diacrónica, polo que na actualidade non resultan equivalentes. Porén, tanto no castelán como no PE, a utilización das formas usted/você en certos contextos pode ser obxecto de controversia por razóns moi diferentes, polo que os falantes poden chegar a evitar empregalas. Tendo en conta esta situación, neste capítulo analízanse comparativamente estas formas partindo dunha selección de testemuños públicos de lingüistas, escritores e xornalistas sobre o uso ou perda de usted e você, e dun estudo de crenzas de falantes novos (18-24 anos), recompiladas a través dun cuestionario deseñado ad hoc, que podería indicar se se está a producir unha mudanza lingüística no que atinxe ao uso dos tratamentos. O obxectivo é aportar un panorama comparativo que dea resposta ás seguintes cuestións: 1) que diferenzas existen entre as FT do castelán e do PE actuais; 2) como e cando comezan a diverxer os usos de usted/você; 3) que se cuestiona publicamente da utilización (ou perda) destas FT no castelán e no PE, e 4) cales son as percepcións dos falantes a este respecto.
Sampedro Mella, M. (2025). Usted (castelán) e você (portugués europeo): Crónica de dúas mortes anunciadas? In E. Fernández Rei, E. Fidalgo & M. Guisantes (ed.), Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística (pp. 297-327). Consello da Cultura Galega. https://doi.org/10.17075/iipdl.2025.010